A Marcha Mundial das Mulleres na Galiza consideramos o dereito ao aborto un dereito fundamental que permite a soberanía sobre o propio corpo, garantindo a escolla dunha maternidade desexada e responsábel.

É por iso que denunciamos que hoxe, igual que hai 23 anos, se continua a limitar a liberdade individual e a toma de decisións das mulleres, considerando o dereito ao aborto como delito e regulándoo no Código Penal con apenas tres supostos despenalizados.

Denunciamos que a interrupción voluntaria do embarazo non é aínda unha prestación universal por dereito devido à falta de coordenación e infraestruturas dos servizos sanitarios e por causa da obxección de conciencia na Sanidade Pública que está a afectar a mais do 95% das mulleres que legalmente se acollen aos tres supostos despenalizados.

Tamén denunciamos que a actual regulación do dereito ao aborto permite a intromisión na intimidade e vida privada das mulleres e a indefensión das e dos profesionais que practican interrupcións voluntarias do embarazo, como puidemos evidenciar no acontecido nas clínicas de saúde sexual e reprodutiva en Madrid e Barcelona a finais de 2007 e comezos do 2008, onde moitos dos abortos que se practican son derivados da Sanidade Pública.

E así mesmo denunciamos os grupos conservadores e a xerarquía da Igrexa Católica, que continúan a cuestionar e criminalizar as mulleres coa única intención de reforzar e perpetuar a sociedade patriarcal e manter a desigualdade entre mulleres e homes. Para estes grupos colocar as mulleres nunha posición de submisión social e vulnerabilidade legal é fundamental para consolidar o seu modelo de sociedade desigualitaria e machista.

Desde a Marcha Mundial das Mulleres consideramos que avanzar no recoñecemento do dereito ao aborto é unha necesidade social, e pedimos unha lei de aborto:

  • que recoñeza o dereito fundamental das mulleres a tomar as súas propias decisións
  • que garanta a soberanía das mulleres sobre o propio corpo e a propia vida
  • que asegure que todo o proceso de información, asesoramento e realización da interrupción do embarazo sexa feito na Seguridade Pública, por persoal sanitario formado na perspectiva de xénero
  • que non exista discriminación xeográfica no aceso de todas as mulleres a estes servizos
  • que se inclúa a educación afectiva-emocional e sexual con perspectiva de xénero no curriculum escolar
  • que os dereitos das mulleres usuarias destes servizos sexan respectados e protexidos en todo momento.
Até todas as mulleres do mundo conseguirmos a soberanía sobre o noso propio corpo, nós continuaremos en marcha.

Marcha Mundial das Mulleres na Galiza

De: feminismo.info
----------

0 Comments:

Post a Comment



Feminismo - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column