CIMA presentou-se na Galiza



Por Chelo Loureiro
21.04.2009


O pasado 16 de abril o café Macondo na Coruña acolleu a primeira reunión de CIMA en Galicia. Á cita acudimos, ademais das que xa somos socias, outras profesionais como produtoras, directoras, realizadores de cine e TV, guionistas, xornalistas de medios especializados ... que non dubidaron en unirse á causa, aumentando considerablemente o número de asociadas galegas. E máis que por estar rodando non puideron acudir pero se comprometeron a facelo.

Sen dúbida este encontro permitiunos coñecer persoalmente a moitas compañeiras e propiciado a necesidade de coñecer os seus traballos. Tamén para constatar unha vez máis o bajísimo porcentaxe de mulleres con significada responsabilidade na produción comparado co de homes (basta con repasar os nomeamentos a calquera premio onde, salvo nas consabidas especialidades onde a participación feminina é alta: barbería, maquillaxe e vestiario, no resto desaparecemos ...)

Por certo que, falando de premios, nos Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual celebrados xustamente a véspera do noso encontro, creo que debemos facernos eco das especialidades onde o número de nomeadas era maior que o de nomeados (de 19 candidaturas):
  • Dirección de produción (4 de 5)
  • Maquillaxe e Barbería (4 de 4)
  • Deseño de Vestiario (4 de 4)
  • Dirección artística (4 de 4)
  • Montaxe (3 de 4)
No resto, salvo ao Mellor Comunicador de TV (empate a 2) e as obvias de Personaxes Femininos Protagonista e de Repartición, só aparecían homes, pero sen dúbida congratulámonos do significado aumento de mulleres, o que pon de manifesto que aos poucos imos accedendo a postos de responsabilidade e que os nosos traballos son apreciados.

Aínda así, todas coincidimos na necesidade dunha campaña de "reeducación" dos nosos compañeiros e, debemos recoñecelo, dalgunhas compañeiras. De feito, Manane co sentido de humor que a caracteriza, ademais de lamentarse de que desde a súa chegada a Galicia deixou de ser chamada polo seu nome para selo por "a muller de Xavier" ... , contaba que agora se están pondo de moda en marcos como festivais e outros eventos cinematográficos, a organización de encontros de mulleres de audiovisual "... coma se fósemos personaxes dun circo!", e é curioso observar que algunhas compañeiras comezan a reunión afirmando que non se toparon con ningún problema profesional polo feito de ser mulleres, pero que a medida que van expondo a súa situación, comezan a dar infinidade de datos que xustamente demostran o contrario, o que non fai senón constatar que en moitas ocasións non somos conscientes do grao de machismo que aínda impera. Simplemente asumímolo ata o punto de non advertilo ata que se fai unha análise máis profunda.



En xeral o encontro resultou tan positivo que se expuxo a posibilidade de, tal e como organizades en Madrid, planificar en Galicia faladoiros periódicos. E o Café Macondo en Coruña ou o Café do Casino de Santiago poderían ser uns perfectos espazos para acollernos.

Para terminar, anotar que pedimos a todas as socias que nos fagan chegar algún enlace en liña que nos permita acceder aos seus traballos. Sería estupendo publicitalos na web de CIMA para que calquera puidese ter esta importante información.

Saúdos moi afectuosos ás recentemente chegadas:
  • María José Arroxo Baliña (Xornalista)
  • Giselle Llanio (Directora/realizadora)
  • Mamen Quintás (Produtora)
  • Susana Pego (Xefa de produción, documentalista)
  • Alexia Muiños Ruiz (Guionista e realizadora)
  • Carmen Igrexas (Directora radio, montaxe e realización)
  • Sandra Sánchez (Directora e montadora)
  • Dores Ben (Empresaria Son e presidenta de AGAPI)
  • Sonia Barros (Realizadora TV)
  • Sonia Méndez (Realizadora de curtos e actriz)

De: "Punto de Vista" - Blog de CIMA - Asociación de mulleres cineastas e de medios audivisuais
----------

0 Comments:

Post a Comment



Feminismo - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column