Principais novidades e avaliación da Secretaria da Muller da CIG do Anteproxecto de Lei que regula o aborto
A Secretaría da Muller da CIG valora o recoñecemento que fai ao respecto do dereito de autodeterminación das mulleres

O 14 de maio aprobouse no seo do Consello de Ministros/as o Anteproxecto de Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo e Saúde Sexual e Reprodutiva. Aínda que teremos que agardar varios meses de trámites ate a súa aprobación final, desde a Secretaría da Muller queren informar das principais novidades do texto fronte ao aprobado en 1985.

Actualmente só se pode interromper o embarazo legalmente en caso dos seguintes supostos e prazos:

  1. Se hai grave perigo para a vida ou saúde física ou psíquica da embarazada, non existindo límite na duración da xestación.
  2. En caso de embarazo consumado nunha violación da que exista denuncia policial, sempre e cando se faga a interrupción dentro das 12 semanas de xestación.
  3. En caso de que existan graves taras físicas ou psíquicas para o feto, que sexan incompatíbeis coa vida, alteracións cromosómicas ou defectos maiores do feto que comprometan a súa vida, podería realizarse a interrupción antes da semana 22 .
As principais novidades do novo texto radican na valoración que se fai ao respecto do dereito de autodeterminación das mulleres, recoñecido por vez primeira nun texto destas características. Así, o aborto será libre até as 14 semanas e até as 22 por causas médicas.

Primeiras 14 semanas de xestación

Poderase interromper voluntariamente o embarazo sen alegar un motivo dentro das primeiras 14 semanas de xestación.

Recibirá, non obstante, un sobre pechado con información social e sanitaria, onde ficarán subliñados os seus dereitos, así como as axudas e prestacións públicas por se prefire continuar co embarazo (axudas públicas, cobertura sanitaria, dereitos laborábeis vinculados ao embarazo e a maternidade, prestacións por coidado, beneficios fiscais, información sobre anticoncepción e sexo seguro, centros onde pode recibir asesoramento antes e despois da interrupción do embarazo), así como información por escrito sobre os dereitos, prestacións e axudas públicas de apoio á autonomía das persoas con discapacidade, así como a rede de organizacións sociais de asistencia a estas persoas. Transcorridos os tres días, poderá realizarse a intervención.

Causas médicas

Por causas médicas, antes das 22 semanas, cando exista grave risco para a vida ou saúde da embarazada (previamente terá que entregar un ditame emitido por dous médicos/as, salvo en caso de urxencia por risco vital para a xestante), cando o feto teña graves anomalías (previo ditame), ou cando se detecten anomalías fetais incompatíbeis coa vida (previo ditame) ou se diagnostique no feto unha enfermidade extremadamente grave e incurábel (confirmado por un comité clínico).

A interrupción do embarazo será unha prestación pública e gratuíta, e o Estado velará polo seu cumprimento en todas as Comunidades Autónomas a través da Alta Inspección Sanitaria.

Dereitos das mulleres

Co anteproxecto dáse unha nova redacción a unha serie de apartados do artigo 145 do Código Penal, de xeito que se introduce a penalidade a quen practique unha interrupción do embarazo sen cumprir os requisitos esixidos, dándoselle natureza á situación de inesixibilidade de outra conduta que concorre na muller que consinte ou se práctica un aborto fóra dos casos permitidos por lei, prevendo a posibilidade de reducir a pena .

Por outra banda, revísase a redacción da Lei 41/2002, de 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do/a doente, co fin de que a prestación do consentimento para a práctica dunha IVE suxéitese ao réxime xeral da Lei.

O texto, en definitiva, recoñece o dereito das mulleres a poder decidir libre e voluntariamente sobre o seu embarazo e a súa continuidade, estabelecendo, desde os poderes públicos, as condicións para poder facelo con todas garantías de atención sanitaria, asesoramento e información.

----------

0 Comments:

Post a Comment



Feminismo - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column