Concentración en defensa do "Dereito ao Aborto" coa construción dun Maio Reivindicativo e unha Alfombra Floral
Postado por Feminismo às 09:26Este domingo 31 de Maio en Compostela, desde as 11 da mañá na Praza da Quintana: Concentración en defensa do "Dereito ao Aborto" coa construción dun Maio Reivindicativo e unha Alfombra Floral, convocada pola Coordenadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres, dentro da Campaña "Eu decido.
FLORES, MÚSICA, POESÍA E COPLAS ... EN DEFESA DO DIREITO AO ABORTO, NA SANIDADE PÚBLICA!!
O próximo domingo 31 de Maio, a Marcha Mundial das Mulleres concluirá a primeira fase da campaña EN DEFESA DO DIREITO AO ABORTO, NA SANIDADE PÚBLICA. EU DECIDO! que leva, ao longo das últimas semanas no noso país, abrindo espazos de debate e reflexom mediante palestras e performance. Un debate ao redor da necesidade de afianzar o direito aborto, que está recollendo apoios de organizacións e colectivos sociais, ademais de sinaturas de todas aquelas persoas que ven, coma nós, a necesidade de asegurar un direito fundamental das mulleres, o direito ao aborto.
Todo isto nun contexto político onde, por unha banda se apresenta un proxecto de lei que pretende ampliar a cobertura legal de mulleres e profesionais que practican abortos, e por outra banda existe un ataque virulento por parte dos sectores máis patriarcais da sociedade, que apresentan unha forte resistencia a todo o que supoña soberanía das mulleres sobre o seu corpo e autonomía para tomar as decisións que lle atinxe, sen presións, sen tutelas nen paternalismos .
O peche desta primeira fase da campaña consistirá na construción, na Praza da Quintana de Compostela, dun Maio Reivindicativo e umha Alfombra Floral. Elexiu-se esta forma de manifestar as nosas reivindicacións, coñecedoras da tradición arraigada na nosa cultura, de celebrar a efervescencia que supón a primavera, con vínculos fortemente arraigados á fecundidade dos seres vivos. A festa dos maios ou as alfombras florais, son algumhas destas expresións coas que o noso pobo celebra esa fecundidade.
As feministas da Marcha Mundial das Mulleres, xunto a todas as persoas e colectivos que nos queiran acompañar o domingo 31 de Maio, construiremos un maio e unha alfombra floral para reivindicar que a fecundidade das mulleres, o poder de dar a vida, nunha sociedade xusta, solidaria e en igualdade, non se pode entender sen garantir o direito a decidir.
Convidamos a achegar-se á cidade de Compostela, desde as 11 da mañá do domingo 31 de Maio aportando flores de cor vermello, rosa, lila e branco, ou felgos e fiunchos cos que encher a alfombra co lema EU DECIDO! e o maio que levará a forma do símbolo feminista.
Desde as once da mañá recibiremos a todas as persoas e colectivos participantes convidando-as a facer o traballo de clasificación das flores e prantas, que estarán colocadas nas escaleiras da Praza da Quintana. Iremos colocando as flores clasificadas por cores e separando os pétalos nas zonas que estarán sinalizadas.
Mentres, as compañeiras encargadas montarám a estructura do maio e pintarán a base da alfombra.
Unha vez clasificadas e separados os pétalos, procedera-se ao enchido das zonas da alfombra e o maio que se corresponda con cada cor.
Ao tempo que se realiza este traballo, soará música ambiental, que se parará, para escoitar a todas aquelas mulleres e colectivos que queiran, ben con coplas, ben con cancóns ou poesías, expresar as súas reivindicacións. No nome da Marcha lera-se un comunicado ao remate do acto.Reivindicacións da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza na campaña "En defensa do dereito ao aborto, na Sanidade Pública!".
Queremos:
- Que se recoñeza o dereito fundamental das mulleres a tomar as súas propias decisións.
- Que se garanta a soberanía das mulleres sobre o próprio corpo e a propia vida.
- Que se asegure que todo o proceso de información, asesoramento e realización da interrupción do embarazo sexa feita na Sanidade Pública, por persoal sanitario formado na perspectiva de xénero.
- Que non exista discriminación xeográfica no aceso de todas as mulleres a este dereito nos servizos públicos.
- Que se inclúa a educación afectivo-emocional e sexual com perspectiva de xénero no curriculum escolar.
- Que os dereitos das mulleres usuarias destes servizos sexan respectados e protexidos en todo momento.
Galiza, Maio de 2009
feminismo.info
Enlaces da Campaña:
- Organizacións e particulares que asinan en apoio da campaña EU DECIDO! En defensa do dereito ao aborto, na Sanidade Pública!
- Coplas para o Maio Reivindicativo
- O Dereito a Decidir: Situación Actual e Alternativas à Despenalización
- Publicaciónom da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza en formato |pdf|:
- O Dereito a Decidir: Situación Actual e Alternativas à Despenalización
- Palestras realizadas por diferentes localidades da Galiza
De: marchagaliza@gmail.com
----------
Marcadores: Dereito ao Aborto, Mobilizacións Galiza